CanleTV é unha plataforma web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinada á promoción e difusión da creación audiovisual galega cun obxectivo eminentemente cultural e divulgativo. A través deste portal, ofrécese aos internautas a posibilidade de acceder de xeito gratuíto a un amplo catálogo de filmes para o seu visionado completo.

Este servizo inicia a súa andaina en 2012 incorporando tanto novos contidos como parte dos que albergaba o antigo portal Flocos.tv. Os vídeos clasifícanse en torno a seis categorías principais: ficción, animación, documental, experimental, videoclips e adiantos, cada unha delas cos seus correspondentes subapartados e tags referentes aos xéneros e temáticas nas que se inscriben. O buscador facilita, ademais, a localización dun filme concreto no conxunto do catálogo.

Reprodución dos vídeos

CanleTV funciona para Firefox (2.0 en adiante), Internet Explorer (6.0 en adiante), Safari e Ópera. Ademais, o computador debe ter instalado Flash Player (recomendable a última versión dispoñible), que se pode descargar gratuitamente desde a web do desenvolvedor.

Os vídeos reprodúcense co software seleccionado por defecto en cada sistema operativo, sempre que se teñan instalados os códecs necesarios. Pódese usar VLC, que é un reprodutor de vídeo de código aberto.

Os vídeos exhíbense nas seguintes calidades de reprodución, en función dos sistemas dos orixinais recibidos na Agadic:

  • Normal: vídeos servidos en formato FLV a 700kbps e son en MP3 a 128kbps.
  • Alta: vídeos en MP4 a 1500kbps, co son AAC a 192kbps.
  • HD: en HD (MP4 a 3000kbps e son AAC a 192kbps).

Para achegar novos vídeos

Os produtores e directores audiovisuais que desenvolven o seu traballo en Galicia poden solicitar a incorporación dos seus traballos (longametraxes, curtametraxes, videoclips, trailers, teaser, etc.) remitindo un correo electrónico a canletv.agadic@xunta.es. Neste mail debe achegarse unha autorización asinada, segundo o modelo que se pode descargar desde o apartado Aviso legal desta web, ademais dunha serie de datos mínimos sobre o filme en cuestión:

  • Título
  • Producción
  • Dirección
  • Interpretés
  • Duración
  • Ano
  • Etiquetas (4 como máximo)
  • Breve sinopse (un máximo de 6.000 caracteres, espazos incluídos)

A continuación, os solicitantes recibirán as indicacións para a transferencia do ficheiro de vídeo –ben enviándoo fisicamente en DVD, ben a través dunha plataforma de almacenamento de contidos– cara á súa posterior subida a CanleTV, tendo en conta o especificado no Aviso legal desta web, así como no artigo 4º da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.

Aceptaranse traballos en sistema PAL (768x576px para vídeo en 4:3 ou 1024x576px para 16:9) para a súa reprodución nas calidades normal e alta que se ofrecen desde o navegador, así como en HD a 720p e a 1080p para a súa reprodución en alta definición. Téñase en conta que se fala de píxeles cadrados e non anamórficos.

Formatos recomendados e outras especificacións

Ficheiro de vídeo en formato MP4 e comprimido co códec H.264 a un bitrate máximo de 2000kbps (en todo caso, o máis alto dispoñible), desentrelazado, desde 24 a 30fps, e o son en ACC a 192kbps.

Tamén é recomendable achegar unha versión de menor calidade en FLV. Cando non se conte con ela, CanleTV realizará unha compresión a partir da copia entregada para axustala aos parámetros sinalados para este formato en calidade normal. No caso de se rexistrar problemas técnicos na compresión, ofrecerase unha soa versión da obra audiovisual.

Licenza

Todos os filmes que se exhiben a través de CanleTV son propiedade do seu autor ou detentor do copyright, mentres que os dereitos de propiedade intelectual da web e dos seus elementos engadidos son titularidade da Axencia Galega das Industrias Culturais, tal e como se especifica no Aviso legal.

Xunta de Galicia